Sunday 05 de May de 2024

O Concello recibiu o Premio ao Mellor Proxecto Estabilizado polo programa “Do berce á rúa” no certame Mil Primaveras


O Concello recibiu o Premio ao Mellor Proxecto Estabilizado por “Do berce á rúa”, impulsado a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón. A edil de Ensino, Mercedes Taibo, e a técnica de Normalización Lingüística de Narón, Adela Pita, desprazáronse este sábado á igrexa do Convento de Santa Clara, en Pontevedra, para recoller a distinción. A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convocou este ano a terceira edición destes premios, que teñen entre as súas finalidades “recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos”, tal e como indicaron dende o colectivo.

O programa municipal “Do berce á rúa” é un espazo web lúdico educativo que ofrece ás familias numerosos recursos en galego dirixidos a menores de 0 a 6 anos. A través da web: https://naronengalego.gal/dinamizacion/#berce apóstase pola participación das familias á hora de incorporar o galego na comunicación dende o primeiro momento, co que se ofrecen xogos, contos, cancións… e outros recursos e consellos sobre a crianza. O portal tamén se dirixe a profesorado de Infantil e das escolas infantís.

A edil de Ensino e responsable do Servizo de Normalización Lingüística agradeceron o premio do certame Mil Primaveras, destacando o feito de que “supón un gran incentivo para continuar traballando nesta liña”. Taibo subliñou ademais que “este é un recoñecemento ás familias que se implican neste programa, sen as que non sería posible acadar os obxectivos que nos plantexamos a través do mesmo”.